★ ASOCIACIÓN · DENDE 1997

PRECEDENTES E HISTORIA

Se retomamos dende aquí o nacemento do movemento ecoloxista tal e como o entendemos, situariámolo nos anos 70.

★ OS PRECEDENTES

DOS ANOS 50 AOS 90.

Existen precedentes nos anos 50 de asociacións “conservacionistas”, adicadas á protección da flora e fauna, que eran consideradas “elitistas”. Foi o movemento pacifista antinuclear o que impulsou o nacemento de diversos grupos ecoloxistas ó norte de Europa. Nos Estados Unidos o Serra Clube destacou por impulsar este movemento.

O denominado Informe Meadows de 1972, redactado polo Clube de Roma, formado por economistas progresistas internacionais, foi un importante chamamento acerca dos problemas que o mundo desenvolto ocasiona ó medio ambiente.

Durante os anos 70 nacen os grupos ecoloxistas Greenpeace e Amigos da Terra. Na época dos 80, a percepción sobre os grupos ecoloxistas foise tomando máis en serio: as redes do ecoloxismo espalláronse por todo o mundo e os grupos foron recoñecidos como interlocutores válidos. Será nos anos 90 cando xurdan áreas profesionais nas administracións e empresas que amosan as súas interpretacións sobre como coidar o medio ambiente, non sempre en consonancia coas valoracións dos ecoloxistas.

A SITUACIÓN ACTUAL

Como os colectivos ecoloxistas eran os únicos que falaban do medio ambiente, a explotación dos países pobres ou o despilfarro de enerxía, moitas empresas e administracións consultábanlles para obter as súas valoracións. Hoxe moitas empresas e consultorías ambientais “compiten” con estes grupos, e as súas valoracións restrínxense a miúdo a aspectos técnicos, sen cuestionar o sistema de desenvolvemento — que no fondo é a “loita” dos colectivos ecoloxistas.

O sistema económico internacional, baseado no consumismo, e os propios gobernos están controlados polas multinacionais. O impacto da globalización fai moi difícil atallar a problemática ambiental, sobre todo a nivel local.

É complicado chegar ós millóns de consumidores bombardeados a cotío con publicidade e enganos. Os ecoloxistas temos moi poucos medios económicos para contrarrestar este impacto.

PENSAR GLOBALMENTE. ACTUAR LOCALMENTE.

— Eslogan de Amigas da Terra. Hoxe sabemos que tamén hai que actuar globalmente.

O movemento ecoloxista ten que mundializarse para combater os impactos negativos da globalización. Debido a que son as corporacións transnacionais as que toman as decisións sobre o reparto dos recursos, moitos gobernos perden o control dos seus a nivel nacional. O movemento ecoloxista actuará a nivel local e nacional, pero tamén internacional: é necesario influír nas decisións políticas internacionais e ofrecer apoio ós cidadáns a través de actuacións locais.

HISTORIA DE AMIGAS DA TERRA

A andaina de Amigas da Terra en Galiza comeza no 1997, pola iniciativa de Xulio López en Ourense. O traballo constante na elaboración de proxectos reais que implicaran á cidadanía fixo que a asociación fora medrando, con persoal contratado e voluntariado local e europeo, baixo dous eixes principais de actuación:

01

REIVINDICACIÓN E ACTIVISMO

Denuncias contra canteiras, vertedoiros incontrolados, talas de árbores, vertidos, minicentrais e parques eólicos.

02

SENSIBILIZACIÓN E EDUCACIÓN

Charlas, obradoiros, exposicións, cursos, festival polo medio ambiente, premios bandeira verde e material educativo para a xuventude.

Entendemos o medio ambiente de xeito xeral, e desde sempre vimos colaborando con diferentes asociacións sociais e culturais como AECC, Cruz Vermella, ATOX, Centro Trama, Proxecto Home, ONCE, Aixiña, AAVV de Veciños, asociacións de consumidores ou a Casa da Xuventude.

★ LIÑA DO TEMPO

A NOSA HISTORIA.

1997

Nacemento en Ourense

Pola iniciativa de Xulio López comeza a andaina de Amigas da Terra en Galiza.

2000

Chegas de bois e antenas

Denuncias contra as chegas de bois en Muíños e o depósito de reses mortas no caso Sugasa. Modelo de ordenanza municipal para antenas de telefonía móbil.

2001

Informe dos matadoiros

Informe ambiental sobre os matadoiros da provincia de Ourense e a xestión dos seus vertidos.

2002

Prestige · Nunca Máis

Coordinación do envío de voluntariado desde Ourense para a limpeza das praias e recuperación de aves en Cotorredondo.

—

Monte galego

Membros do Comité pola Defensa do Monte Galego: actuacións contra os incendios e alegacións en Montederramo (LIC Rede Natura).

2005

Renovación

Nova equipa coordinadora e novo proxecto de fomento e implicación na defensa do medio ambiente a nivel persoal, local e global.

AGARDAMOS POR VÓS. QUE CADA DÍA SEXAMOS MÁIS AMIG@S DA TERRA.